Come san come peixe

A Fundación Expomar celebrou na tarde do mércores 15 de decembro a xornada sobre nutrición “Come San, Come Peixe”, que tivo lugar no salón de plenos da Confraría de Pescadores de Burela en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Abriron a xornada o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano; e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias; acompañados do xerente de Expomar, José Manuel González ‘Brais’; que exerceu de moderador durante o resto dos relatorios.

Durante a xornada catro recoñecidos médicos especialistas en nutrición falaron aos asistentes sobre os beneficios do consumo de peixe e produtos do mar para lograr unha dieta saudable, a coñecida como “dieta atlántica”.

A doutora Ángeles Romero, catedrática de tecnoloxía dos alimentos pola Universidade de Santiago de Compostela, falou sobre “Peixe e dieta atlántica como alimentación saudable”.

O doutor Nicolás Piedrafita Páez, graduado en nutrición humana e dietética pola USC, tratou o tema da “Dieta atlántica na poboación xeriátrica”. Juan La Torre, farmacólogo-nutricionista da unidade de investigación nefrológica do Hospital Público da Mariña, centrouse no “Manexo nutricional da diabetes”. Finalmente, o doutor Secundino Cigarrán, nefrólogo do Hospital Público da Mariña, abordou a importancia de “O papel da dieta atlántica na nutrición e o ril”.

Para pechar a xornada celebrouse unha mesa final cos catro relatores para responder algunhas das dúbidas lanzadas polo público asistente. A xornada finalizou cunha degustación gratuíta de produtos pesqueiros cedidos por Absa e OPP Lugo, que tivo lugar no exterior da terraza do restaurante Casa Miranda.