Visita á Moncloa

Burela convida a facer unha viaxe no tempo visitando no porto o local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, coñecido como «A Moncloa».

Esta é unha actividade que organiza a Fundación Expomar e na que colaboran as delegacións do Mar e Turismo do Concello de Burela, a Cronista Oficial do Concello de Burela, Herminia Pernas, e a propia Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns «A Moncloa».

As visitas terán lugar os xoves e venres de catro a seis da tarde e os sábados e domingos de dez a doce da mañá. O público ao que van dirixidas non é só aos turistas que visitan a vila, senón tamén aos propios veciños de Burela, para animalos a achegarse e coñecer de primeira man os cimentos do “Orgullo Mariñeiro” do seu pobo.

A bordo dos recordos dos vellos mariñeiros poderanse coñecer as anécdotas e historias que forman o patrimonio cultural de Burela e de paso admirar a gran exposición de fotografías, maquinaria e artes de pesca que gardan no interior desta “Moncloa”.

A Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns “A Moncloa” fundouse no ano 2008 para cubrir a necesidade de manter o vínculo coa que fose a súa vida no mar e cos seus compañeiros de logros e sacrificios, poñendo en valor o seu duro oficio, porque “quen foi mariñeiro non deixa nunca de selo”.

Galería