HISTORIA

Cando no ano 1.991 nacía a Iª feira de Mostras de Burela, como cristalización dunha idea da Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos da nosa localidade onde estiveran representadas as actividades económicas da zona, destacouse sobre todo, a importancia do sector pesqueiro e do mundo do mar no desenvolvemento socioeconómico non tan só de Burela senón tamén de toda a nosa Comunidade Autónoma.

É no ano 1.994 cando ten lugar a primeira edición do salón monográfico EXPOMAR, ofrecendo dúas importantes novidades: o seu carácter monográfico e a extensión da súa cobertura ao ámbito internacional. Sendo a pesca o motor base da nosa economía, e tendo en conta o interese amosado polos profesionais do sector, non é de estrañar que a idea de darlle á feira un carácter especializado tomara forma.

Varios anos despois, comprobamos como EXPOMAR se foi consolidando pouco a pouco, para converterse hoxe nunha das feiras monográficas con máis proxección, e nun punto de encontro necesario para os profesionais do sector mariño.

Dentro deste contexto nace o 22 de maio de 1.998 a FUNDACIÓN EXPOMAR, a cal vén significar un marco institucional seguro e rigoroso para o estímulo, promoción e desenvolvemento do mundo do mar. Este é un proxecto que nace do convencemento, xa demostrado, de que se pode ir máis lonxe abarcando a organización de toda unha serie de eventos ligados aos intereses dun sector en permanente evolución.

Deste xeito, a Fundación Expomar foi clasificada como de interese náutico-pesqueiro por Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de xullo de 1998 (D.O.G. nº 145, do 29 de xullo) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 28 de outubro de 1998 (D.O.G. nº 220, do 12 de novembro) figurando inscrita co número 1998/13.