EXPOMAR CELEBRARÁ AS SÚAS XORNADAS TÉCNICAS E O ENCONTRO EMPRESARIAL O 8 E 9 DE MAIO

As XXXI Xornadas Técnicas e o XXV Encontro Empresarial de Expomar celebraranse entre o mércores 8 e o xoves 9 de maio no porto de Burela (Lugo).

A Fundación Expomar presenta unha nova edición das súas Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial, que se celebrarán o 8 e 9 de maio no porto de Burela para abordar os novos retos e dificultades que afronta o sector pesqueiro.

O foro será como sempre aberto ao público no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela a partir das 16:30h tanto do mércores 8 como do xoves 9 de maio. Como xa é habitual nas últimas edicións, as xornadas tamén se poderán seguir en liña desde a web www.expomar.com.

As Xornadas Técnicas 2024 contarán coa participación do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, que inaugurará o evento acompañado pola presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.

A primeira xornada titúlase “Xestión pesqueira”, está especialmente dirixida aos profesionais do sector e contará coas intervencións de Isabel Artime, secretaria xeral de pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación MAPA; Pedro Galache, xefe de unidade de Gardacostas e Programas internacionais EFCA (Unión Europea); Julio Valeiras, técnico do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO); e Daniel Voces, director gerente de Europeche.

A segunda xornada celébrase baixo o título “Sustentabilidade e saúde” para tratar temas de interese xeral para todos os públicos e contará coas intervencións de Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela; Rosaura Leis, catedrática de pediatría da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Fundación Dieta Atlántica; Juan Revenga, popular dietista-nutricionista da Universidade de Navarra; e Antonio Nieto, xerente de Pesca España.

As dúas xornadas estarán este ano moderadas por senllos xornalistas que cobren a información do sector pesqueiro, como Xusto López Carril, da Radio Galega, e Anxo Rodríguez, director do programa 'Vivir o Mar' de Televisión de Galicia.

A clausura das Xornadas Técnicas 2024 será ao redor das 7 da tarde do xoves e correrá a cargo da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.

XORNADAS TÉCNICAS 2022

También puedes volver a ver...

SUBIR